quinta-feira, março 30

economía para iniciados


Ás veces, para entender os matices que hai detrás de determinadas posturas políticas non hai como recorrer á sabeduría popular (do pobo, enténdase). O outro día escoitei como un paisano lle explicaba a outro por que había deputados do PP que se opuñan a xuntar todo o soldo na nómina e preferían o sistema das dietas:
- É que se lles vai todo na nómina chegan a casa e é a muller a que se fai cargo dos cartos, pero se lles vai parte na nómina e outra en dietas, cos cartos das dietas fan eles o que queren, igual que a túa muller non sabe dos cartos que sacas coas túas chapuzas.
Bon, a sabedoría popular continúa a ser machista, pero é unha explicación a ter en conta...

quinta-feira, março 16

Evangelion


Malia decidir despois dunha semana de atracón televisivo desengancharme da caixa tonta e desfrutar das rúas, terrazas e cafés habituais, teño que recoñecer que non podo prederme unha das poucas cousas decentes (alén de Pepe o Inglés) que bota a TVG. Si, mólame Evangelion, mólame a música, o guión, como esta debuxada e dirixida... o único que non me gusta é a hora á que a emiten, a hora lóxica dentro do Xabarín, pero persoalmente non me vén moi ben. Terei que mercar o DVD? A pena é que seguro non ten a dobraxe en galego...

sábado, março 4

progres nus



Fun ao teatro ver a nova montaxe do CDG. Había certa expectación porque era a primeira desde o cambio de Goberno, e lembroume moito a primeira serie que emitiu a TVG na nova andaina. Por que? Porque ambas recorrían a sacar un tío en bolas para evidenciar que agora somos progres. Polo que podemos deducir que os progres de hoxe en día se caracterizan por non se escandalizaren ante a imaxe dunha pirola ao ar. Polo menos é un avance. Non me entendan mal, eu son un amante dos espidos masculinos, pero espero que o cambio e o país novo que nos prometeran vaia máis alá de poder ver penes a conta dos cartos institucionais.